|
Moitos golfiños solitarios morreron en accidentes fortuítos con actividades humanas, pesca ou hélices de barcos. É o risco que corre GASPAR, mais, el elixiu este xeito de vida polo que debemos respectalo e tratar de minguar a problemática predecible e non fortuíta desta interacción.
Fases dun arroaz solitario
A documentación existente sobre os arroaces solitarios, e a revisión dos informes sobre GASPAR, permiten catalogar o seu comportamento en fases: Fase 1 ou exploración: esta fase comeza cando o golfiño chega a un lugar novo. Tradúcese en comportamento de exploración, con baixa interacción e mesmo rexeitamento do contacto, puidendo respostar agresivamente, con golpes de aleta caudal sorbe a auga e empuxóns. Pode entrar a inspeccionar un lugar descoñecido para el, nese caso acostuma a nadar continuamente paralelo ao muro do peirao. Nesta fase manten pouca atividade en superficie mergullándose moito. Tamén pode descansar, ou mesmo durmir, nunha esquina afastada, parado en superficie. Fase 2 ou confianza: nesta fase o arroaz acompaña ás embarcacións e curiosea dende a distancia ás persoas, aumentando a interacción con obxectos inanimados que estean na auga. A intensidade do achegamento e interacción con obxectos é proporcional á confianza que acade. Acostuma a tirar de cabos, boias ou remos que sobresaen das embarcacións atracadas.
Fase 3 ou familiarización: nesta fase chama a atención das persoas, exhibíndose mediante saltos e achegándose a onde están, con moita presenza e actividade en superficie. Pode achegarse a mergulladores ou bañistas e contactar con eles. Sobrepasa o límite de confianza ata o contacto físico.
Fase 4 ou inflexión: esta é a fase máis crítica pois implica que o animal resulta un grande protagonista, onde moita xente está pendente del, mesmo sendo unha atracción masiva. Nesta fase o animal pode chegar a situacións eufóricas e extremas con natación violenta e xogos perigosos. Os problemas transcenden á interacción golfiño-humanos e pasan a ser entre humanos xa que se producen altercados por chegar ata o animal, por centrar a súa atención, por bañarse, etc. O papel da asistencia da CEMMA a GASPAR é rebaixar o nivel de interacción e evitar a chegada á fase 4 e aos conflictos de intereses de dificil resolución.
Antecedentes
GASPAR é un golfiño que chega a novas localizacións completamente habituado á presenza humana e con experiencias previas, moitas delas negativas. Moitos dos seus comportamentos son aprendidos por malas prácticas de persoas coas que mantivo contactos anteriores. GASPAR noutros lugares foi acosado por persoas con dubidosas intencións, relacionadas con estranas sectas e mesmo lunáticos. Hai risco de que estas situacións se produzan de novo en Galicia.
Existen diversas persoas en toda Europa que se detectan onde están non dubidarán en viaxar ata aquí para reproducir eses comportamentos, que para nós son calificados de altamente perniciosos para o animal. Algunhas xa o intentaron. Como vemos os humanos a GASPAR: percepción interespecífica As persoas tendemos a atribuír comportamentos humanos a GASPAR (interpretación antropomórfica) e a interpretar os seus movementos e comportamentos como nosos.
Durante a euforia, que se produce entre as persoas durante a observación de GASPAR, non se é consciente das súas necesidades como arroaz. Pode haber persoas con carácter posesivo que tendan a monopolizar ao animal, o contacto directo e mesmo a enfrontarse, verbal e mesmo violentamente, con outras persoas, como xa ten acontecido. Só as autoridades policiais poden solventar exitosamente a resolución destes conflictos, polo que serán solicitadas diante da súa existencia.
Pode haber persoas que proxecten as súas frustracións e resentemento co animal, ameazándoo de morte e mesmo agredíndoo. A CEMMA xa ten intervido en varias destas ocasións para tirarlle importancia aos feitos que levaron a algunhas persoas a actuar deste xeito.
Pode acontecer que o animal tenda a comportase na auga con algunhas persoas como fronte a outro arroaz (comportamento conespecífico), co risco que isto poida ter, por iso é convinte aplicar e respectar o Código de conduta.
Pode haber persoas que caian en contradicción, é dicir que prediquen o respecto co animal e busquen facer o contrario do que din, creando confusión a outras persoas. Criterios
A posición da CEMMA en xeral con todos os cetáceos é de menos intervencionismo posible, investigación, recuperación, etc. A CEMMA manterá, por sistema, a posición do arroaz en tempo real en secreto, mentres esa información non tanscenda. A finalidade é manter a tanquilidade do animal sen agromeracións e presións de moita xente.
En canto a súa posición teña tanscencencia, ou o seu comportamento chame moito a atención, a CEMMA dará a máxima información posible sobre o animal e sobre todo o código de conducta de comportamento fronte a el. Para iso está preparando unha edición de trípticos para repartir nos portos.
É prioritaria a aplicación do código de comportamento en toda situación. Seguemento e xestión O seguemento de Gaspar mantense por parte da CEMMA mediante a colaboración que a entidade, dende nai dez anos, ten coa Consellería de Medio Ambiente. A administración está puntualmente informada da situación e acontecementos.
O servizo veterinario da CEMMA, dirixido polo veterinario doutor D. Josep Mª Alonso Farré, está ao
tanto da saúde do animal, sendo o único autorizado para realizar exames periódicos. O departamento de investigación da CEMMA, dirixido polo biólogo doutor D. Alfredo López Fernández, mantén actualizada a información biolóxica sobre o animal, estando permanentemente en contacto coas redes de investigación de cetáceos portuguesa, asturiana e francesa, cun fluído intercambio de información. A Unidade Móbil da CEMMA mantén unha atención permanente dos avisos sobre o animal para o caso de asistencia inmediata fronte a calquera eventualidade. Para iso conta co número activo 24 h 686 98 90 08 e coa conexión directa co teléfono de emerxencias 112 SOS Galicia.
Non é posible, nin desexamos, manter unha vixilancia permanente as 24 h sobre GASPAR, xa que tería como consecuencia unha excesiva presión sobre o animal. A pesar disto, a CEMMA porá en marcha un equipo de voluntariado denominado Gardiáns do arroaz GASPAR-GARGAS, co ánimo de manter o seguemento e informar da situación. Para o desenvolvemento deste persoal voluntario serán realizadas xornadas formativas nos vindeiros meses e editaranse 10 000 exemplares do tríptico divulgativo sobre o animal e o código de comportamento, para ser distribuídos ao longo de tdoa a costa.
Asesoramento e investigación A CEMMA mantén un contacto directo con investigadores doutos países co fin de unificar criterios e actuacións. Entre os días 12 ao 14 de maio a bióloga da CEMMA Paula Méndez asistiu á Conferencia Internacional sobre golfiños solitarios na cidade de Dingle, en Irlanda, onde acudiron especialistas de todo o mundo. Alí reuniuse coa especialista internacional Mónica Muller coa cal comparte actualmente calquera novidade sobre GASPAR. Neste momento Paula está no Centro de Nacional de Mamíferos Mariños de La Rochelle, onde comparte a información cos investigadores franceses ao respecto, e mantén comunicación directa con Sandra Guyomar, especialista francesa que asistiu a GASPAR na súa estadía francesa.
O biólogo especialista en cetáceos Alfredo López, revisou os casos que asistiu directamente nos últimos anos aos arroaces, ENOL, MERCURIO e xunto co naturalista ferrolán Juan Ignacio Díaz, coordinou o caso do arroaz PIAS que viviu máis dun ano na ría de Ferrol. Así mesmo, mantivo un encontro con Luís Laría, especialista asturiano que compartiu durante os tres anos a estancia dos arroaces ENOL e ERCINA en Asturias, así como co biólogo Pablo Cermeño que asistiu ao arroaz PAKITO en Donosti. Recentemente tamén visitou o Departamento de Oceanografía e Pescas dos Açores, onde compartiu cos biólogos, especialistas en cachalotes e arroaces, a Doutora M. Silva e o biólogo Rui Prieto as experiencias, tratando de indagar o pasado de GASPAR.
O equipo veterinario, dirixido Josep Mª Alonso Farré mantén contacto cos servizos veterinarios de mamíferos mariños encargados da asistencia dos cetáceos salvaxes no resto de Europa coa finalidade de manter un asesoramento especializado fronte a calquera eventualidade sobre Gaspar.
Código de comportamento en presenza do arroaz solitario GASPAR. O cumprimento estricto deste código de comportamento é o único xeito de garantir a supervivencia do animal. En xeral tratar de manter o mínimo contacto e a máxima indiferencia para non perturbar o seu comportamento. - Non darlle NUNCA comida. - Non meterse NUNCA na auga ao seu carón. - Observalo a distancia sen achegarse, non entrar no seu radio de contacto. - Se estás na auga non tratar NUNCA de tocalo nin de aproximar as mans. - Saír INMEDIATAMENTE da auga e afastarse do seu contacto. - Se estas nunha embarcación, non aproximarse nin interromper o seu comportamento. - Adoptar unha posición neutral e indiferente se se achega o animal mantendo o mesmo rumbo e velocidade. - Non cambiar de dirección ou velocidade de xeito brusco. - Se o tes na popa COIDADO, gusta de meterse baixo do motor. PERIGO O contacto directo cun arroaz pode derivar nunha situación de risco de agresión ou contaxio de enfermidades dérmicas e pulmonares. Neste sentido a CEMMA mantén un estreito contacto, para recibir información da presenza do animal e prever molestias, coas Agrupacións de Protección Civil de toda a costa e co SEPRONA da Garda Civil, institucións ás que agradece a colaboración e a súa preocupación polo caso. Protocolo de necesidade extrema Se é necesario, e en último caso, porase en marcha un protocolo de prevención e seguridade consistente en: - Delimitar un área específica para os seus movementos, caso de que estes sexan limitados. - Restrinxir o número de embarcacións que se lle acheguen. - Limitar o número de persoas que interaccionen co animal, se esta interacción é inevitable. - Difundir os lugares anatomicamente sensibles do animal que nunca se deberán tocar.
Para saber más -descargar o ver triptico.pdf [+]
Pode facerse un seguemento no blog de Gaspar A EMBAIXADA DO MAR en: http://www.blogoteca.com/cemma/
Suscríbete a las noticias del Mar y la Pesca en tu entorno:
Suscríbete a las noticias de Galicia en tu entorno:
Buscar más temas relacionados en el buscador de Xornal Galicia
|